terça-feira, 27 de fevereiro de 2007

¡Olvidémo-los mortos!


I

¡Profanemos do bosque as umbrías!...
E ante estes mudos testigos,
o río, a fonte i os ceos,
que eu rompa os xa vellos vínculos!
Do pasado correron as horas,
só Dios sabe antre que abismos,
¡non tornarán... olvidemos!,
que a recordanza é un martirio.

II

Hai un niño de rosas silvestres
cabo da fonte escondido,
e un prado de herba trebiña
alfombra ó arredor sombriso.
Cal un tempo, rebuldan as brisas,
na fronda cantan os xílgaros,
as margaridas sorrinme,
i oio o marmurar do río.

III

Sin amar, cal é negra esta vida
e perde o sol o seu brilo,
deixa que o sorbo postreiro
beba do celeste viño.
Din que dorme o privado no leito
ancho dos fondos olvidos;
ambos, pois, xuntos bebamos
deste bosque antre os espiños.
IV

¡Que harmonioso na altura resoa
o zoar ronco dos pinos!
Mais maxino que nos miran
Sereos dende o monte arisco.
E parés que trasvexo antre a brétema,
nas vaguedás do infinito,
o perfil triste e emborrado
dos meus ensoños perdidos.
E que adustas me axexan as sombras
tras desos coutos e riscos,
dos meus mortos adorados
e dos meus delores vivos.
¡Mais n'importa! Da antigua devesa
profanemos os retiros...
Séntate ó meu lado e dime,
dime... o que tantas oíron.

V

Es garrido e lanzal i os teus ollos
nos meus coma estrelas fixos,
dormentes, din que o amor neles
pousa o seu dedo divino.
Eu contémprote en tanto serea,
dura coma os seixos fríos,
e do teu corazón conto
os turbulentos latidos.
Faise a asmósfera densa ó redore...¡
Decote o mesmo camiño!
Coma o seu cantar os páxaros,
tes, corazón, o teu ritmo.
Mais de bágoas se inunda o meu rostro,
e da ialma no máis íntimo
o hastío lento penetra
coma espada de dous fíos.
¡Ea!, apártate lonxe... non quero
profanar este retiro,
nin pode o corazón tolo
ser de si mesmo asesino.
Sosegavos, ñas sombras airadas,
que estou morta para os vivos.
¡Sagrado quedaches, bosque!
¡Sin mancha ti, meu esprito!

Rosalía de Castro - "Follas Novas", 1880



Sem comentários: